(VÍDEO) O GALP estreará o sábado o documental ‘A muller no mundo da pesca na Mariña Lucense’

Pescadoras, peixeiras, redeiras, mariscadoras, estibadoras, traballadoras da industria conserveira ou empresarias contan a súa experiencia persoal e laboral no sector pesqueiro

Redeira de Burela, nun momento do documental. ARRACADA PRODUCIÓNS/GALP

Seguindo na liña do seu proxecto “Mulleres da Mariña“, que aposta pola dinamización e recoñecemento das mulleres do sector do mar neste territorio, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal presenta este sábado 26 de decembro o documental ‘A muller no mundo da pesca na Mariña Lucense‘.

O vídeo documental, elaborado por Arracada Producións, ten unha duración de 64 minutos e conta con entrevistas a numerosas mulleres que ao longo dos últimos anos participaron activamente do sector pesqueiro na Mariña. O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer e por en valor o papel desempeñado pola muller ao longo da historia recente neste eido e nesta contorna: un percorrido pola historia e a evolución das súas condicións laborais e sociais e as súas inquedanzas.

A reportaxe conta con imaxes de arquivo e actuais, coa colaboración de diferentes investigadores e autores que nos últimos anos participaron en traballos de recuperación da memoria e, sobre todo, coa intervención das principais protagonistas: as mulleres do mar.

“A muller sempre desempeñou unha importante labor no desenvolvemento económico do sector pesqueiro. A súa función a pé de porto, así como os oficios levados a cabo por mulleres, son o principal argumento deste vídeo, no que se recollen testemuñas de pescadoras, peixeiras e redeiras, mariscadoras, mulleres que participan nos labores de descarga e estiba do peixe, traballadoras da industria conserveira, así como mulleres empresarias e emprendedoras”, remarcan desde o Galp.

Debido ás condicións sanitarias actuais, a estrea deste documental celebrarase de maneira virtual, e estará disponible en Youtube desde este sábado 26 de decembro, ás 12.00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here